Visitas

jueves, 5 de febrero de 2015

Realidades absolutas e realidades relativas...

A principios de ano, puiden ler en varios artigos a situación de Galicia en términos de poboación; como xa teño feito noutras entradas, este penso que é o principal problema do noso País a medio e longo prazo...

O envellecemento da poboación e a problemática que supón manter o sistema de pensións é un feito consumado e son máis os xubilados que as persoas activas. No curto prazo, esto está a supor unha importante axuda para a supervivencia de moitas familias que dependen destas pensións para "ir tirando" nesta crise, pero o malo está por vir; cando falten esas persoas, toparémonos con moita xente non cualificada para case ningún emprego, nunha idade adulta na que sería complicado reciclarse.


As posibles solucións non son sinxelas, e moito menos en tempos e con políticos nos que os recursos para políticas sociais son os primeiros en disminuir, pero poden poñerse en práctica diferentes solucións como por exemplo:

 - Estira-la vida laboral suporía equilibra-las contas ou polo menos retrasa-los efectos negativos do envellecemento, pero tamén suporía que o mercado laboral sería case que inaccesible para os máis novos.

- Aumenta-la tasa de natalidade. Esta proposta tería efectos positivos a medio e longo prazo, pero requeriría importantes sumas para conceder axudas á xente nova, concilia-la vida familiar e laboral, crear un sector productivo diversificado e competitivo no mercado global, etc.

- Recurrir a plans de inmigración como Australia, Canadá ou os EEUU. esta opción tamén requeriría de dotar dunha seguridade laboral a eses inmigrantes, así como poñer impedimentos á saída de capitais cara os seus países de orixen.


Por ver un lado positivo, este envellecemento tamén supón a aparición ou o incremento de empleos especializados en atende-las necesidades asistenciais da poboación de maior idade, sanidade, axuda a domicilio, etc.

A nivel particular, e comenzamos por Galicia, no último ano perdéronse 17.245 habitantes, sumando un total de 2.748.695hab. Esto supón que casi 50 persoas deixaron Galicia este ano. Lóxicamente, dado o número de persoas maiores que poidan falecer, entendo que será a maior porcentaxe, o número de xente nova que abandonou o país, sin deixar de ser importante, non sería relevante si os nacementos foran os axeitados, as oportunidades laborais amplias para acoller a inmigrantes ou os plans de conciliación fosen efectivos...

Hai poucos días, tamén aparecía na prensa a situación a nivel provincial. Ourense é a terceira provincia en Europa con maior nivel de poboación xubilada, supoñendo esta o 23% de maiores de 65 anos. A previsión desde as institucións públicas non son nada esperanzadoras; nos vindeiros dez anos, haberá 182 xubilados por cada 100 menores de 20 anos.

No noso querido Carballiño, a situación agrávase un chisco máis; sin ser tan lamentable como en concellos máis rurais os índices de maiores de 64 anos e menores de 20 establécense no 26,43% e no 15,16% respectivamente, superando os valores medios da provincia.

No último curso, e según datos do INE, O Carballiño perdeu 232 habitantes, dos cales 153 eran persoas non nacidas en España e 79 nacionais. Este dato pouco ou nada mencionado nos medios, penso que é moi relevante, pois por primeira vez na última década, e atreveríame a afirmar que na historia do Carballiño, sen ter analizado tódolos datos históricos, a poboación descendeu, podendo supor esto o inicio, como sucedeu noutras vilas similares si non se toman medidas oportunas e estimuladoras, do esmorecemento da vila. A chegada de persoas do rural máis próximo parece que non chega a cubrir a falta de nacementos e a saída dos máis novos en busca de oportunidades laborais, así pois, e falo en primeira persoa, dun grupo como podía ser o equipo xuvenil de fútbol que integraba hai pouco máis dunha década, máis da metade dos seus integrantes non residen no Carballiño, o que supón unha pérdida importante de capital humano na vila.


Tristemente esto supón que a xente con iniciativas, a xente que ten que tirar polo lugar onde se reside ou ben non está, ou a que está non se lle dan as ferramentas, nin a oportunidade de tirar, pois son un grupo minoritario a nivel local.


A pesar disto, e xa para terminar, quédome coas imaxes que puiden ver dalgúns veciños na manifestación de Madrid o pasado 31 de xaneiro; sin chegar a compartir o 100% dos ideales da organización que a convocaba, si comparto o malestar social e a necesidade dun cambio de rumbo das sociedades, para min malchamadas avanzadas, pois si seguimos por este camiño, serán as primeiras en quedar atrás, e alégrome de que uns poucos den pasos cara outra dirección, polo menos algún máis que a inmensa maioría na que me inclúo.



No hay comentarios:

Publicar un comentario